A LENDA DO CONDE ANDEIRO

O GALEGO MALVADO DA HISTORIA DE PORTUGAL Autor: David Sabucedo Lisboa, 6 de decembro de 1383. Un mozo percorre dacabalo as rúas da capital lusa berrando sen parar: “Matan ao Mestre! Matan ao Mestre…

Source: A LENDA DO CONDE ANDEIRO

A LENDA DO CONDE ANDEIRO

O GALEGO MALVADO DA HISTORIA DE PORTUGAL

Autor: David Sabucedo


Lisboa, 6 de decembro de 1383. Un mozo percorre dacabalo as rúas da capital lusa berrando sen parar: “Matan ao Mestre! Matan ao Mestre nos Pazos da Raínha! Axudade ó Mestre que o matan!”. Ante a chamada de auxilio os lisboetas comezáronse a xuntar e a comentar o que ocorría: o Mestre era Joâo de Avís, un fillo ilexítimo do rei Pedro de Portugal, e seu asasino non podía ser outro que o conde de Ourem, o amante da raíña. Axiña o pobo armouse e acudiu en masa ó pazo en axuda do infante e a para poñerlle fin ao goberno do conde, ese malvado galego chamado Xoán Fernández de Andeiro.

Andeiro, un fidalgo galego nas guerras e tempos que foron e son mal parados

A morte do rei Pedro I de Castela, en 1369, a mans do seu irmán Herique II de Castela porá fin a chamada Primeira Guerra Civil Castelá. O Reino de Galicia era o máis importante feudo “petrista” polo que, tralo asasinato do rei, á nobreza galega, xunto as cidades e vilas, ofrécelle a coroa de Castela ao rei de Portugal, Fernando I, que será recibido coma señor nas máis importantes poboacións galaicas. É nesa viaxe, na súa estancia na Coruña, cando crúzase no seu camiño Xoán Fernández de Andeiro, un fidalgo de Cambre, que era gobernador da praza, co que Don Fernando terá moi boa amizade.

N’isto, chegou el-rei D. Fernando á vista do logar e os da villa sahiram todos a receber (…) E Joâo Fernades, porque ainda nâo vira el-rei de Portugal, ia dizendo alta voz entre os outros todos: “Hu vem aqui meu senhor el-rei D. Fernando?” El-rei, quando isto ouviu, deu d’esporas ao cavallo em que ia, e disse: “Eu sou, eu sou”. (Chronica de El-Rei D. Fernando, Fenao Lopes)

220px-The_battle_of_Navaret
Batalla de Nájera (1366)

A resposta de Henrique de Castela foi o ataque a Galicia e Portugal, unha testemuña galega en 1371 define aqueles anos coma: “guerras e tempos que foron e son mal parados”. A derrota en chan galaico fará que os nobres galegos procuren acubillo primeiro en Portugal e despois, trala derrota dos portugueses, en Inglaterra, entre estes exiliados ía Andeiro. Será en terras inglesas onda o coruñés fará tamén moi boa amizade cos fillos do rei inglés, o duque de Lancaster e o conde de Cambridge, que casaran cas fillas do defunto Pedro I de Castela e reclamaban agora o trono castelán. Andeiro voltará a Portugal en 1373 coma enviado inglés, e alí conseguirá asinar un pacto de amizade e en contra de Castela entre os dous países. Mais a definitiva derrota do portugués na súa guerra contra os casteláns fará que teña que voltar a Inglaterra. Na viaxe de volta Xoán Fernández atacou a vila da Coruña.

A aventura portuguesa de Andeiro, conde de Ourem

Non será ata 1380 cando o noso protagonista poda regresar á Península, chamado polo rei de Portugal que quere aproveitar a morte do seu inimigo, Henrique de Castela, para renovar o pacto cos ingleses. En Estremoz prodúcese o reencontro entre os vellos amigos; Andeiro, que chegara en segredo ó país, é instalado nunha cámara anexa as habitacións dos reis no castelo da localidade. Contan que nesas reunións non só xurdiu un novo acordo anglo-portugués senón que tamén comezou unha relación amorosa entre o galego e a raíña, Leonor de Telles.

Os servizos prestados á corte portuguesa valéronlle a Xoán Fernández ser nomeado conde de Ourem, un dos principais señoríos do Reino, mais polo país comezábase a expender outra historia, a de que a raíña Leonor conseguira para el ese título por ser seu amante. A complicidade que había entre ambos non axudaba a acabar cos rumores, nunha ocasión presentouse o conde na cámara da raíña e viña suando moito polo que ela deulle un pano para que puidera secarse a suor, o conde avanzou cara ela e tras axeonllarse díxolle moi baixiño: “señora, máis chegado e máis usado quería eu de vós o pano”, o comentario e a risa ca que lle respondeu dona Leonor non pasou desapercibido as súas doncelas que se encargaron de estender o conto, o que axudou a que a poboación e a corte non visen con vos ollos a “amizade” entre eles.

Castelo-de-Ourém
Castelo de Ourem (mediotejo.net)

En 1383 púñase fin a un breve conflito entre Castela e Portugal sen que ningún dos dous reinos levara unha clara vitoria. A axuda inglesa durante o guerra deixara unha horrible lembranza de violencia no pobo portugués, polo que se produce un achegamento a Castela, o encargado de levalas conversas cos casteláns foi Andeiro. Coincidindo co remate do enfrontamento armado dona Leonor deu a luz a un fillo varón que faleceu os poucos días de nacer, a enfermidade que padecía o rei e que cada vez o debilitaba máis impedía que mantivera relacións íntimas ca súa esposa, polo que díxose que o fillo era do galego.

As conversas rematan no Tratado de Salvaterra de Magos asinado entre Castela e Portugal pero que non tivo o apoio da burguesía do Sur do país, que vía nel a entrega do reino ós casteláns. Pouco despois falecía o rei Fernando, deixando coma rexente a raíña Leonor co apoio do seu fiel conde Andeiro. Trala morte do monarca o pobo non ocultaba a súa carraxe polos rexentes, e sectores da burguesía lisboeta comezaron a planear a súa caída.

A caída do conde de Ourem

10-_Rei_D._João_I_-_O_de_Boa_Memória
Joâo de Avís (s.XIV)

Para os burgueses de cidades coma Lisboa e Coimbra Castela significaba achegarse a Francia e ir en contra de Inglaterra, país onde tiñan os seus intereses comerciais, e que era o que simbolizada esta unión, o conde Andeiro. Os conxurados escolleron coma seu campión o medio irmán do falecido don Fernando, Joâo Mestre de Avís, e encomendáronlle a misión de matar ó conde e salvar Portugal.

O 6 de decembro de 1383 Joâo de Avís presentouse nos Pazos da Raínha, en Lisboa, armado e acompañado por unha garda de vinte homes, tralo sorpresa inicial o conde Andeiro tentou falar a soas con el polo que o levou a unha habitación anexa á cámara da raíña onde poideran falar, alí o mestre e seus homes asasinarono.

Xunto a unha fiestra paráronse e Andeiro escoitou dicir a don Joâo:

-Conde, moito me admira que quixerades procurar a miña deshonra e morte.

-Eu? Iso é mentira. Quen vos dixo iso mentiuvos.-Respondeu o conde. Mais o mestre sacou unha daga e golpeouno na testa. Andeiro, ferido, tentou volver á cámara da raíña mais no seu camiño cruzouse un home do mestre que lle mandou unha estocada o corazón. O conde caeu de xeonllos e morreu. (Lendro Carré, A Lenda do Conde Andeiro)

morte andeiro
A morte do conde Andeiro (wikipedia)

Un paxe do Mestre que quedara na porta do pazo tiña ordes de, en canto seu amo entrara, percorrer a cidade dicindo que a raíña e o conde ían matalo, e que debían acudir todos a socorrelo. Cano o enfurecido pobo de Lisboa chegou a residencia rexia atopouse co contrario ao que esperaban, asomado a un balcón estaba o Mestre de Avís e o morto era o conde, cuxo cadáver botou todo o día no chan oculto baixo un pano vello. Joâo de Avís foi nomeado protector e rexente de Portugal, e dous anos despois sería coroado coma rei, sendo o primeiro dunha nova dinastía que duraría ata o século XVI, os Avís. A raíña Leonor tivo que agardar á escuridade da noite para poder recoller o cadáver do seu amado e darlle sepultura as agachadas na igrexa de San Martinho.

A lenda do conde Andeiro

O triste final do Andeiro foi recollido por Leandro Carré Alvarellos na súa obra As Lendas Tradicionais Galegas, nunha historia chamada A lenda do conde Andeiro, nela dise que Xoán e Leonor tiñan pensado casar trala morte do rei. A historiografía tradicionalista portuguesa agrandou a lenda negra que os Avís e seus partidarios estenderan sobre o conde e a raíña (chegouse a dicir que Leonor envelenara ós poucos o rei Fernando) xa que estes simbolizaban a unión a España (sucesora de Castela) e a perda da amada independencia de Portugal.

Para Ricardo Raimundo, autor do libro Os Maus da Historia de Portugal, Andeiro é un aventureiro avaricioso: “Defendendo apenas os seus interesses, colocando-se ora ao serviço dos portugueses, ora dos ingleses, ora dos espanhóis, de acordo com a mellor oferta, Joâo Fernandes Andeiro, acaba por se apaixonar pela raínha D.Leonor, ou ver nela uma forma de conseguir voos mais altos”.


Para saber máis:

-Raimundo, Ricardo. Os Maus da História de Portugal Ed: A esfera dos livros, Lisboa 2015

A LENDA DO CONDE ANDEIRO