REIS GALEGOS

Views: 0

“Por exemplo, poucos sabem, e poucos o visitan, que hai un Panteón Real na catedral de Santiago de Compostela, até hai moi pouco indicado como Capela das Reliquias por estaren depositadas na mesma tamén as duns santos. Mesmo hoxe, non se indica de onde eran os reis das tumbas con vultos xacentes alí instaladas. E, se se fai, como nas placas que os acompañan para identificalos, dise que son reis de León: na catedral de Santiago de Compostela!!! Galiza é o nome que non se ousa pronunciar, e o de reino de Galiza menos. Porén, existir, existen e existiron, e xustamente con ese rango que agora se agocha con deliberada intención”
“Pois ben, os vultos xacentes que descansan na sede compostelá, unha saga familiar, unida por unha definida liña estratéxica galego-portuguesa e de oposición ás pretensións hexemonistas castelás, abribúense oficialmente a: Raimundo de Borgoña ( morto 1107), xenro de Afonso VI, casado coa súa filla Urraca, conde da Galiza e pai do futuro Afonso VII; a raiña Berenguela (morta 1149), esposa do emperador Afonso VII, educado na Galiza e coroado rei na catedral compostelá, con sete anos de idade, filla do Conde de Barcelona e da Condesa de Provenza, dona Dulce; Fernando II (morto 1188), fillo dela e do emperador Afonso VII, a quen este, por indicación da clase dirixente galega, en concreto dos Trava (Fernán Peres de Trava), deixou os reinos de Galiza e León, mentres entregaba o de Castela ao seu outro fillo, Sancho; Afonso VIII (morto 1230), o fillo de Fernando II con Urraca de Portugal, o último rei galego, malia terse preocupado, de forma consciente e decidida en vida, de impedir ou dificultar calquera alternativa que significase a unidade con Castela ou favorecer a propensión hexemonista fronte ao bloque occidental galego-portugués. E, por último, Xoana de Castro (morta 1374) emparentada de lonxe con esta saga familiar, filla de Pedro de Fernandes de Castro, Conde de Lemos, Samos, Cabreira e Ribeira, educado na corte do rei Dinis de Portugal, máximo representante da clase direixente galego-portuguesa no reinado de Afonso XI (X para nós) da Galiza, León e Castela, pai de quen vai ser o referente máis senlleiro da continuidade reforzada da estratexia de unidade galego-portuguesa na segunda metade do século XIV, no reinado de Pedro I, “El Cruel”, Fernán Ruys de Castro. Esposa por unha noite deste monarca, morreu xustamente no momento en que fracasa esta estratexia, após unha guerra civil en Castela (a sublevación dos bastardos contra o seu irmán Pedro I) que significou a internacionalización do conflito.”
Tirado do livro A RELEVANCIA DO REINO GALEGO MEDIEVAL. TOMO I, de Francisco Rodríguez.
All reactions:

Marcos Celeiro, Xiko Paradelo and 1 other