Views: 0
la voz de galicia
Henrique Costas: «Teñen arcaísmos desaparecidos en Galicia hai séculos»
O vigués Henrique Costas publica un libro sobre a fala estremeña derivada do galego
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ocioycultura/2013/11/21/henrique-costas-tenen-arcaismos-desaparecidos-galicia-hai-seculos/0003_201311H21P469945.htm
Henrique Costas González ven de publicar, en Edicións Xerais,O valego. As falas de orixe galego do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura), no que conxuga investigación e ensaio para achegarse ao xeito de falar nos concellos estremeños de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trebello.
-¿Están aceptadas as orixes galegas destas falas?
-Para a Junta de Extremadura, non. A palabra galego non aparece por ningures para eles. Din que non pode ser galego porque aquilo foi o Reino de León, cando todos saben que aqueles reis asinaban como Reis de Galicia, León e Asturias e que repoboaron aquelas terras con colonos galegos.
-¿As fala moita xente?
-Máis do 90 % nos tres concellos, incluso os rótulos están nesa variedade do galego. É a comunidade europea de lingua minoritaria que ten o índice máis alto.
-¿En que se parece máis ao galego?
-No léxico é unha maqueta do galego. Por exemplo, se media Galicia di cerdeira e a outra cereixeira, eles tamén o din. Curiosamente, conservaron as dúas formas. E o que máis sorprende é a gran cantidade de arcaísmos que hai, moitísimos deles que desapareceron en Galicia nos séculos XIII e XIV, e alí son formas únicas. Morfoloxicamente hai variacións como en Galicia, e na fonética non se parece moito porque non teñen vogais abertas, aínda que non ditongan, pero si teñen unha fonética máis parecida ao castelán.
-¿Que pensan eles da súa singularidade?
-Cando van a Salamanca, din que van a Castela; cando van a Coria, din que van a Estremadura; e cando van a Penamacor, din que van a Portugal. Eles din que son dos tres lugares. Teñen unha conciencia identitaria moi forte por iso se ten conservado o idioma.
-¿Están protexidas?
-Non, e iso que hai unha lexislación lingüística europea e española. O propio Goberno de Estremadura nin sabe que existen disposicións europeas que as protexen. En Estremadura teñen medo a que lles movamos os marcos cando imos os galegos a investigar